Teses defendidas no outono de 2023

Tres teses con co dirección de membros de UXAFORES foron defendidas na EPSE nos últimos meses. Dúas delas de temática forestal, unha profundando sobre o estudo dos incendios forestais nos piñeirais e a outra sobre as plantacións de chopo de quenda curta. A terceira pertence a un programa de doutoramento internacional e analiza o abonado do cacao na agricultura panameña.

A tese de doutoramento titulada “Estimación de biomasa e características estruturais do combustible en comunidades de matogueira desarborada e piñeirais en Galicia a partir de escáner láser terrestre, láser aéreo e inventario de campo” foi defendida pola doutora Cecilia Alonso Rego o día 20 de setembro. A autora foi contratada predoutoral da Xunta de Galicia no grupo de investigación e os seus directores foron Ana Daría Ruiz González da UXAFORES e Ramón A. Díaz Varela da EPSE.

Esta tese aborda o problema dos incendios forestais que producen graves danos económicos, ecolóxicos e sociais en Galicia, considerando que a súa intensidade e frecuencia estanse intensificando nun contexto de cambio climático. Os xestores forestais tratan de previr o seu inicio e propagación mediante a xestión do combustible. Isto é especialmente importante nas zonas propensas a lumes de copas debido á súa maior intensidade e rápida propagación, que, a miúdo, superan os esforzos de extinción e ameazan a seguridade.

En Galicia, a xestión do combustible é unha tarefa especialmente necesaria polo rápido crecemento da vexetación e a gran acumulación de combustible, tanto en matogueira desarborada como no sotobosque baixo arborado. Ademais, o abandono dos terreos agrícolas e o aumento da interface urbano-forestal favorecen a continuidade da superficie forestal. Por outro lado, o incremento da demanda de madeira xunto cunhas condicións climáticas favorables, propiciaron o establecemento de plantacións forestais de especies de crecemento rápido como Pinus pinaster Ait. e Pinus radiata D. Don. sendo fundamental a súa xestión para reducir o risco de lume de copas.

A correcta xestión do combustible precisa a súa caracterización previa, isto permite valorar a eficacia de diferentes alternativas mediante o uso de modelos ou sistemas de simulación do comportamento e dos efectos do lume.

No traballo presentáronse os resultados dun estudo sobre a utilización de diferentes metodoloxías para a estimación de cargas e estrutura vertical dos combustibles forestais. Incluíndose a matogueira desarborada e o sotobosque e os combustibles de escaleira e do dosel de copas en piñeirais. Os modelos obtidos baséanse en datos LiDAR aéreo (ALS) e terrestre (TLS) e inventarios de campo tradicionais.

 

 

A doutora Alicia Fuertes Sánchez defendeu o día 7 de novembro a súa tese titulada “Avaliación do potencial das plantacións de chopo de quenda curta para unha bioeconomía baixa en carbono: modelización de biomasa lignocelulósica sostible e reservas de carbono en condicións de limitación de auga”. A investigación estaba enmarcada no proxecto RTA “Biomasa para a bioeconomía, producindo, cuantificando e Valorando Cultivos Forestais” froito dunha estreita colaboración entre o ICIFOR (INIA-CSIC), onde a autora desfrutou dun contrato predoutoral vinculado a ese proxecto, e o grupo UXAFORES. Foi dirixida conxuntamente por Hortensia Sixto Blanco (ICIFOR), Roque Rodríguez Soalleiro (UXAFORES) e Nerea de Oliveira Rodríguez (ICIFOR).

Neste traballo analízanse as plantacións de chopos manexadas en alta densidade e quenda curta. Lográndose así unha alta produtividade nun curto período de tempo, esencial para a produción de biomasa e a captura de carbono a curto e medio prazo. Ambos son pilares fundamentais para avanzar cara a unha bioeconomía baixa en carbono.

Esta tese mellora as predicións de biomasa no ámbito mediterráneo mediante un modelo sensible ao clima que ten en conta tanto condicións de rego óptimo como restritivo. Ademais, incorpora unha análise económica que identifica os custos operacionais máis relevantes e cuantifica a captura de carbono que é un dos servizos ecosistémicos máis solicitados na actualidade. Estas contribucións buscan optimizar a eficiencia das plantacións e ofrecen, ao mesmo tempo, ferramentas de manexo sólidas adaptadas ao contexto do cambio climático e as demandas do mercado.

 

Ambas teses obtiveron a máxima cualificación e xeraron respectivamente tres e catro publicacións científicas indexadas en revistas de alto impacto. As súas referencias poden consultarse no apartado de investigación deste sitio web.

Nos seguintes enlaces poden consultarse as noticias referidas a estas teses aparecidas no “Xornal da USC” (en galego).

“A EPS de Enxeñaría valida métodos de estimación de biomasa e caracterización de combustible forestal en matogueias e piñeirais”

 

A terceira das teses foi defendida Jhon A. Villalaz Pérez o 21 de setembro e titulase “Influencia do abono orgánico sobre o desenvolvemento e calidade do cacao producido en Almirante, Bocas del Toro – Panamá”. O investigador pertence ao Instituto de Innovación Agropecuaria de Panamá (IDIAP). Foi dirixida por Agustín Merino García de UXAFORES e José Ezequiel Villareal Núñez do IDIAP panameño e enmárcase no programa de doutoramento "Agricultura e medio ambiente para o desenvolvemento" coordinado por Agustín Merino.

A planta de cacao (Theobroma cacao L) é cultivada nalgunhas rexións da República de Panamá, pero a súa maior produción atópase na provincia de Bocas do Toro, representando para os produtores da área unha alternativa socioeconómica e cultural.

O obxectivo da tese foi sentar as bases para mellorar a produción de cacao e explorar diferentes factores que potencialmente poderían afectar á produción e calidade do cultivo, como son o cadmio (Cd) ou o efecto da seca temporal na rexión de estudo. Demostrouse que o abonado orgánico con esterco de polo compostado incrementou a bio-dispoñibilidade de elementos esenciais no solo e a absorción de nutrientes na planta. Atopouse un baixo contido de Cd no solo que se reflicte nunha baixa concentración de este no grao de cacao. O estudio do clon de cacao AS-CP-26-61 serviu para identificar a toxicidade do Cd que pode ser transferido dende o solo cara a planta. Tamén se relacionou a porcentaxe de humidade do cultivo co estrés hídrico na planta de cacao.

 

Esta teses xerou dúas publicacións científicas indexadas en revistas de alto impacto. As súas referencias poden consultarse no apartado de investigación deste sitio web.

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Máis información Aceptar