Publicación de dous novos libros editados por Springer

A editorial Springer Cham publicou no primeiro trimestre de 2024 dous novos libros sobre temas de investigación de fronteira e de actualidade, ambos liderados polo catedrático Avelino Núñez.

O libro “Frontiers studies in soil science” está enfocado cara novas propostas na investigación na ciencia do solo e presenta as teorías máis novidosas nesta área como parte dunha serie de libros co mesmo título. Inclúe trece capítulos sobre varios temas de actualidade: contaminantes emerxentes como os antibióticos, as terras raras, a xestión do carbono orgánico, a xestión dos solos agrícolas, a remediación ou o biochar.

O libro “Planet Earth: Scientific proposals to solve urgent issues” caracteriza e propón solucións para temas cruciais que afectan ao planeta. Pretende promover o debate científico en temas sociais e medioambientais con incidencia planetaria. Inclúe quince capítulos sobre temas variados: pandemias, os límites planetarios da vida, a sustentabilidade, as intervencións artísticas para a recuperación, os nanomateriais en aplicacións biomédicas, os residuos, os seus adsorbentes e a recuperación, os microbios nas plantas e o estrés, o impacto dos antibióticos e da sobreprodución de alimentos no solo.

Outros investigadores de UXAFORES que traballan nos solos, ademais de Avelino Núñez, participan nestes libros como autores de varios capítulos: Esperanza Álvarez, Ana I. Barreiro, Raquel Cela, María J. Fernández e Ainoa Míguez.

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Máis información Aceptar