PEMADE organiza actividades de formación específica este verano
Nos meses de xuño e xullo PEMADE impartirá dous cursos de formación sobre estruturas de madeira nas instalacións de PEMADE na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo en colaboración coa Axencia Galega da Industria Forestal-XERA.
Entre o 15 de xuño e o 15 de xullo desenvolverase o curso “Cálculo de estruturas de madeira” de 100 horas de duración. Inclúe formación no laboratorio de ensaios de estruturas que permitirá un mellor coñecemento estrutural da madeira e a formación en cálculo mediante a resolución práctica de proxectos, posibilitando a aprendizaxe de conceptos teóricos no marco das necesidades do desenvolvemento dos exercicios prácticos. Ademais, os alumnos contactarán co sector industrial da madeira a través de visitas a obras e entidades.
Entre o 21 e 28 de xullo desenvolverase o curso “Cálculo sísmico en estruturas de madeira” con 9 horas presenciais e 12 online. Inclúe formación en cálculo sísmico en estruturas de madeira mediante clases teóricas presenciais e clases online en deseño e cálculo de casos concretos empregando software especializado. Tamén se abordará a investigación experimental actual. A formación será impartida por profesionais de alto prestixio internacional e experiencia neste ámbito.