Dispoñible o paquete FORTLS de R para facer operativo o inventario forestal con escáner láser terrestre (TLS)

O paquete FORTLS, desenvolvido por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con persoal da Universidade da Coruña e do Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria (CSIC-INIA), nace co obxectivo de converter o TLS nunha ferramenta operativa para o seu uso en inventarios forestais.

Dispoñible o paquete FORTLS de R para facer operativo o inventario forestal con escáner láser terrestre (TLS)

Nos últimos anos a estimación e monitorización dos sistemas forestais está a experimentar numerosos avances tecnolóxicos, especialmente relacionados coas tecnoloxías de teledetección. No caso particular do escáner láser terrestre (TLS), as altas capacidades que presenta para representar superficies de obxectos situados na súa contorna próxima de forma rápida, automática e cunha resolución milimétrica, sitúano como un dos dispositivos con maior potencial para o seu uso en inventario forestal. Non obstante, o TLS aínda non se estableceu como unha ferramenta operativa para este fin, principalmente debido á falta de algoritmos para a obtención de variables relacionadas co estado dos bosques e ás dificultades atopadas na automatización do procesado de datos.

O paquete FORTLS nace co obxectivo de eliminar estes hándicaps, xa que presenta como principal funcionalidade a automatización do procesado dos datos TLS para o seu uso en inventario forestal, e permite tamén a estimación das principais variables forestais empregadas na xestión forestal. A rapidez coa que o TLS realiza as medicións e a dispoñibilidade deste paquete para o seu posterior tratamento e análise, permitirán reducir os tempos de toma de datos e procesado, así como aumentar o tamaño de mostra sen incrementar de forma proporcional os custos asociados. Estas características confírenlle ao paquete FORTLS un alto potencial para ser empregado en inventarios forestais.

Ademais, de cara a facilitar a súa transferencia ao sector forestal, FORTLS foi desenvolvido como un paquete de R, que é un software estatístico libre, gratuíto e accesible para calquera usuario interesado nesta ferramenta (xestores forestais, industria madeireira, empresas TIC forestais, administracións públicas, universidades e centros de investigación,...). De feito, a última versión estable do paquete pode descargarse aquí, mentres que a versión en desenvolvemento máis actualizada está accesible aquí.

FORTLS foi desenvolvido na Universidade de Santiago de Compostela froito da colaboración entre investigadores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal e do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría (Campus Terra), e do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización (Campus Vida). Tamén se contou coa colaboración de persoal do Departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña e do Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria (CSIC-INIA).

Máis información sobre o paquete e a súa instalación en:

Molina-Valero, J.A., Ginzo Villamayor, M.J., Novo Pérez, A.M., Martínez-Calvo, A., Álvarez-González, J.G., Montes, F., Pérez-Cruzado, C. (2021). FORTLS: Automatic processing of TLS point cloud data for forestry purposes. R package version 1.0.2.

Molina-Valero, J.A., Ginzo Villamayor, M.J., Novo Pérez, M.A., Álvarez-González, J.G., Montes, F., Martínez-Calvo, A., Pérez-Cruzado, C. (2020). FORTLS: An R Package for Processing TLS Data and Estimating Stand Variables in Forest Inventories. In Environmental Sciences Proceedings (Vol. 3, No. 1, p. 38). Multidisciplinary Digital Publishing Institute

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Máis información Aceptar