Actividades de transferencia e difusión no mes de xuño

En xuño celebraranse dúas actividades con participación de UXAFORES: unha xornada demostrativa sobre micoloxía e outra de divulgación sobre a certificación forestal do FSC. Ambas as xornadas son gratuítas e precisan dunha inscrición previa dos interesados.

O día 6 de xuño celebrarase a Xornada demostrativa do proxecto Cogumelos+ "Incremento da produtividade micolóxica dos piñeirais galegos", organizada por Servitec, UXAFORES e FEUGA. A reunión realizarase en horario de mañá en Begonte (Lugo), onde se atopan as parcelas de experimentación do proxecto. Por parte de UXAFORES os participantes serán Julián Alonso, Roque Rodríguez e Javier Pereira-Espinel. Ademais de presentacións sobre os fungos macromicetos en piñeirais, a produtividade micolóxica e en madeira ou os modelos selvícolas aplicados a Pinus radiata, entre outros, haberá exhibicións de poda e de roza mecanizada.

C+ Jornada demostrativa programa-1.pdf

O día 22 de xuño celebrarase a Xornada de portas abertas "Bosques responsables, cidades máis sostibles. Unha viaxe cara á sustentabilidade urbana desde a xestión forestal responsable: historia do edificio Impulso Verde", previa á Asemblea anual de socios de FSC España que se celebrará ao día seguinte. A xornada de portas abertas, organizada por FSC España e UXAFORES, celebrarase no edificio Impulso Verde de Lugo, primeiro en conseguir a certificación FSC de proxectos construtivos en España, e en cuxa construción participaron a USC, mediante PEMADE, e a UPM.

Ademais dunha sesión inaugural con presenza da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a coordinadora de UXAFORES, Esperanza Álvarez, e o presidente de FSC España e organizador da xornada, Alberto Rojo, realizarase a entrega do certificado FSC de proxectos construtivos ao Concello de Lugo como propietario do edificio. Despois realizarase unha visita guiada ao mesmo por parte de membros de PEMADE e 3edata. A continuación, desenvolveranse dúas mesas redondas sobre os temas “Desenvolvo e certificación FSC do proxecto” e “Uso da madeira para unha construción sostible”. A xornada de mañá pecharase coa intervención do Conselleiro de Medio Rural.

Pola tarde, os asistentes desprazaranse ao norte de Lugo, onde visitarán a empresa “Hijos de Ramón Rubal, S.L.”, subministradora da madeira certificada FSC utilizada no edificio, e a un monte certificado FSC.

Programa Jornada Puertas Abiertas FSC España_22 junio_Impulso Verde.pdf

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Máis información Aceptar